A RSE Innolab galega abre as súas portas en Vigo

A RSE Innolab galega abre as súas portas en Vigo

A Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, presentou en Vigo a RSE INNOLAB galega, enmarcada no proxecto POCTEP GEMCAT “Xeración de Emprego de Calidade Transfronteirizo”.

No acto estiveron a Secretaria Xeral de Emprego da Xunta, Covadonga Toca Carús, a Subdirectora Xeral de Relacións Laborais, María Coutinho Villanueva, o Presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros Arce e o Delegado da Xunta en Pontevedra, Ignacio López-Chaves.

Durante a presentación, a Secretaria Xeral de Emprego destacou que “a RSE INNOLAB vai ser un espazo de encontro para falar de responsabilidade social empresarial”. Covadonga Toca engadiu que ”dende a Xunta de Galicia realizamos unha aposta clara pola RSE, xa que o concepto é sinónimo de emprego de calidade. É unha garantía de que as cousas se están facendo ben”.

Ademais, Covadonga Toca apuntou que “a nosa aposta pola RSE implica ofrecer asesoramento ó tecido empresarial. A Administración debe estar á altura das circunstancias para conseguir empresas e unha sociedade con valores; xa que as cousas poden cambiarse entre todos se traballamos de maneira conxunta”.

A RSE INNOLAB galega, formación, asesoramento e mentorización

Pola súa parte, a Subdirectora Xeral de Relacións Laborais, María Coutinho, explicou o funcionamento da oficina RSE INNOLAB, que estará ubicada nas instalacións da Confederación de Empresarios de Pontevedra, en Vigo. Neste espazo, as empresas poderán recibir formación presencial pero tamén de carácter online.

“Nesta oficina as empresas atoparán solucións concretas ós desafíos actuais”, indicou Coutinho, “para iso, persoal técnico especializado na materia ofrecerá o seu asesoramento. Na RSE INNOLAB galega tamén haberá titores especializados que realizarán un diágnostico e o posterior seguimento, ata que poidan implantarse as primeiras medidas de RSE. En definitiva, recibirán unha mentorización dende o inicio e ata o final”.

Cómpre destacar que esta oficina servirá para recopilar actuacións exitosas no marco da RSE e poder implantalas noutras empresas: “o obxectivo é motivar ó noso tecido empresarial, queremos que a RSE se vexa como unha necesidade xa que a normativa esixe cada vez máis unha nova forma de xestión que axudará a mellorar a competitividade”, destacou María Coutinho.

Ademais de formación especializada e individualizada, na RSE INNOLAB haberá sesións de networking, dinámicas de creatividade, obradoiros e será posible identificar ideas innovadoras que poidan ser facilmente reproducibles noutras empresas.

Primeiro achegamento á RSE INNOLAB galega

As máis de 60 empersas que acudiron á xornada de lanzamento, participaron nunha dinámica de creatividade, “PHOTOCALL RSEMPRESARIAL” coa que se pretendía crear un marco que posibilitase o intercambio de experiencias vinculadas á RSE e á sustentabilidade.

Medidas de conciliación laboral e familiar, acollida de nenos ou coidado do medio ambiente foron algunhas das propostas que os participantes puxeron enriba da mesa.