Desenvolvéronse as segundas reunións das mesas de Diálogo Social Transfronteirizo dos sectores téxtil e industria 4.0, no marco do proxecto GEMCAT

Desenvolvéronse as segundas reunións das mesas de Diálogo Social Transfronteirizo dos sectores téxtil e industria 4.0, no marco do proxecto GEMCAT

  • Participaron representantes de asociacións sindicais, confederacións empresariais, administracións públicas, autoridades laborais e entidades socias do proxecto GEMCAT.
  • Debateron cales son as cuestións relevantes para acadar emprego de calidade en ámbolos dous sectores, en como o dialogo social é unha ferramenta útil e efectiva para abordar os retos do sector
  • Os resultados acadados faranse públicos en dous foros sectoriais que se desenvolverán no segundo semestre de 2019, no que participarán entidades de Galicia, Portugal, Estremadura e Castela León.

 

Trala celebración das primeiras mesas sectoriais de Diálogo Social Transfronteirizo, (Téxtil e Industria 4.0) levadas a cabo o 12 de decembro de 2018 en Santiago de Compostela, as administracións públicas e organizacións empresariais e sindicais de Galicia e do Norte de Portugal, déronse cita o xoves 14 de marzo en Ponte de Lima (Portugal) para levar a cabo as segundas mesas sectoriais que pechan as reunións a celebrar baixo o auspicio do proxecto GEMCAT, no marco do programa Interreg-POCTEP, cofinanciado polo FEDER.

O eixo central de debate de ámbalas mesas será acadar emprego de calidade en ámbolos dous sectores, e como o diálogo social é unha ferramenta útil e efectiva para abordar os retos do sector.

As cuestións de debate sobre o sector téxtil abordaron retos como a contribución da concertación social para os retos aos que se enfronta o sector téxtil, entre os que os participantes destacaron a necesidade de reverter a deslocalización, de fomentar a innovación e o cambio tecnolóxico ou a mellora e modernización das competencias profesionais. Fíxose especial fincapé na mellora das condicións dos traballadores e o outorgamento áxil de licencias.

Respecto ao sector Industria 4.0, os participantes sinalaron á rapidez co que esta nova revolución industrial se está a producir, e o impacto no mercado de traballo. Coincidiron con que é preciso adaptar a negociación colectiva a este novo marco de relacións laborais e en que os traballadores deben poder adaptar as súas competencias ás novas tendencias tecnolóxicas.

En ambos casos, evidenciouse como o diálogo social pode dar resposta aos interrogantes e retos expostos en cada sector, propoñendo solucións e liñas de traballo transfronterizas nos foros sectoriais que se desenvolverán no segundo semestre de 2019, no que participarán entidades de Galicia, Portugal, Estremadura e Castela León.