Informe final do estudio: “A evolución demográfica e as implicacións no mercado laboral transfronteirizo”

Informe final do estudio: “A evolución demográfica e as implicacións no mercado laboral transfronteirizo”

As entidades socias do proxecto POCTEP GEMCAT (Xeración de Emprego de Calidade Transfronteirizo), liderado pola Xunta de Galicia e participado polos socios portugueses CIM Alto Minho, Universidade de Oporto e Cámara Municipal de Braga , e as Comunidades Autónomas de Castela e León e Estremadura, veñen de publicar o Estudo A evolución demográfica e as implicacións no mercado laboral transfronteirizo.

O documento, elaborado pola Universidade de Oporto, é unha radiografía sociodemográfica que conclúe que a Península Ibérica se caracteriza por unha asimetría territorial cada vez máis acentuada, marcada por unha tendencia da poboación cara o litoral, en detrimento dos territorios transfronteirizos e máis rurais. Nestes territorios a perda de poboación alíase cun forte envellecemento da poboación, que con outros problemas, como a inactividade, convértese nun dos factores máis propicios á vulnerabilidade e á exclusión social. De feito, Portugal e España están entre os países máis envellecidos da Unión Europea.

O estudo reflicte que outra das características destes dous países é a intensa actividade migratoria, especialmente trala crise económica de 2008. Neste senso, cómpre destacar a saída de poboación nova, cada vez máis cualificada, que busca oportunidades noutros países.

Por outra parte, estes territorios caracterízanse pola caída da natalidade e da fecundidade e polo aumento da esperanza de vida. Tanto Portugal como España están moi por baixo dos valores desexados (1,3 e 1,4 nenos por muller) o que representa un dos valores máis baixos da Unión Europea; e nas rexións fronteirizas a situación é aínda máis preocupante.

Polo que respecta á composición familiar, o estudo conclúe que as estruturas familiares da Península Ibérica se caracterizan cada vez máis por familias pequenas e polo aumento de familias fóra do patrón tradicional, como por exemplo, núcleos monoparentais. A crecente participación da muller no mercado laboral tamén se revela como unha tendencia con fortes implicacións no desenvolvemento dos territorios. Estas tendencias implican un aumento das necesidades de equipos e servizos persoais, sobre todo, na ocupación do tempo de lecer dos máis novos e dos anciáns.

Esta situación vai ter repercusións no futuro e unha das consecuencias será o aumento das diferencias territoriais. No 2050, as rexións transfronteirizas de Portugal poden perder preto do 20% da poboación, mentres que no lado de España a perda pode ser do 8%. Por outra parte, aumentará a tendenza ó envellecemento da poboación, o que implicará novos retos sociais; entre eles, unha maior esixencia do soporte da atención sanitaria.

Así mesmo , cabe sinalar que a evolución futura revela un escenario de inversión da pirámide de idade, polas reducións de poboación nova e adulta e o elevado aumento das persoas anciáns.

Este escenario suporá cambios no mercado laboral e cada vez será máis determinante a conectividade dixital. As carreiras profesionais esixirán formacións continuas e as oportunidades laborais estarán influenciadas polas transformacións tecnolóxicas.

En definitiva, estas e outras conclusións do estudo levaron ás entidades socias de GEMCAT a elaborar unha serie de medidas para contrarrestar os efectos derivados do envellecemento, a despoboación e o aillamento. Estas medidas enmárcanse nos seguintes eixos:

  • Apoio e fomento da promoción da igualdade de xénero e de igualdade de oportunidades, así como de responsabilidade social por parte das empresas e doutras organizacións.
  • Información e sensibilización para un emprego de calidade, igualdade de xénero e de oportunidades. Para iso, deberanse desenvolver programas de formación para a cidadanía de igualdade de xénero; así como programas transfronteirizos de capacitación e apoio ó espírito empresarial, dirixidos especialmente ao sexo feminino.
  • Desenvolvemento de infraestruturas, equipos e servizos de apoio á promoción dun emprego de calidade. Neste aspecto, contemplase a  creación de servizos compartidos e de coworking, de ámbito transfronteirizo, para apoiar a creación do propio emprego e o desenvolvemento de teletraballo. Ademais, proponse o reforzo das infraestruturas de telecomunicacións e mellora das condicións das redes de subministro de servizos web, para mellorar a accesibilidade dixital.
  • Apoio ás organizacións que prestan coidados e á cualificación e innovación das súas prácticas.
  • Axudas e incentivos para as persoas e as familias, tales como axudas para a rehabilitación de inmobles favorecendo o acceso á vivenda.

O estudo completo pode consultarse a través deste enlace.

Por outra parte, as propostas de políticas públicas transfronteirizas están detalladas aquí .