O Foro de Diálogo Social Transfronteirizo do sector Industria 4.0 aposta polo traballo conxunto Galicia – Norte de Portugal para afrontar os retos no mercado de traballo e na xeración de emprego de calidade

O Foro de Diálogo Social Transfronteirizo do sector Industria 4.0 aposta polo traballo conxunto Galicia – Norte de Portugal para afrontar os retos no mercado de traballo e na xeración de emprego de calidade

A cidade portuguesa de Porto acolleu o Foro de Diálogo Social Transfronteirizo do sector da Industria 4.0 no marco do proxecto GEMCAT (Xeración de Emprego de Calidade Transfronteirizo) liderado pola Xunta de Galicia. O encontro, no que se deron cita as administracións públicas e as organizacións empresariais e sindicais máis representativas de Galicia e do Norte de Portugal, serviu para analizar o impacto no mercado de traballo da Industria 4.0.

O foro serviu como plataforma para expoñer as conclusións das dúas reunións da Mesa de Diálogo Social Transfronteirizo que se celebraron anteriormente en Santiago de Compostela e en Ponte de Lima.

Neste senso, acordouse a necesidade de focalizar a análise do impacto dos cambios tecnolóxicos non so nas empresas senón tamén nas propias persoas traballadoras para facilitar a súa adaptación e garantir a calidade no emprego. Por outra parte, os integrantes da Mesa apostaron por potenciar a RSE das empresas no emprego transfronteirizo e por converter a dixitalización nunha oportunidade.

As administracións públicas e as organización empresariais e sindicais coincidron na necesidade da cualificación das persoas traballadoras, polo re- deseño de plans formativos, o traslado da robotización ós ciclos de formación e pola creación de postos de traballo adaptados ós máis novos.

Tamén se destaca a utilidade da negociación colectiva como ferramenta de transformación dixital, especialmente na catalogación dos postos de traballo.

Outra cuestión a debate foi a estrutura industrial. Neste caso, os integrantes da Mesa destacaron a necesidade de converter a Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal nunha contorna favorable á Industria 4.0. Para iso, as administracións públicas apostaron polo desenvolvemento de políticas na defensa do tecido industrial propio e por compatibilizar as empresas tradicionais coas da Industria 4.0.

Compre destacar que unha das conclusións foi a necesidade da creación dun observatorio de cambio tecnolóxico e mobilidade transfronteiriza, que será o encargado de anticipar as necesidades e as tendencias do emprego do futuro, así como os novos perfís profesionais.

Por outra parte, estableceuse a necesidade de desenvolver plans de formación conxuntos na Eurorrexión. Estes plans permitirán a adquisición de novas competencias que precisan os sectores produtivos para abordar os retos da Industria 4.0, ao tempo que promoven a xeración de emprego de calidade.